Thursday 02 de May de 2024

Proposta da alcaldía de rexeitamento á construcción do Parque Eólico Caaveiro promovido por Enel Green Power nos municipios de San Sadurniño, Neda, Cabanas, Fene, As Pontes e A Capela


A previsión de instalar novos parques eólicos na comarca de Ferrolterra, e nomeadamente no noso concello, non se está a levar a cabo tendo en conta as necesidades do País, os intereses das comunidades locais, a protección do territorio, a conservación do ambiente e a compatibilidade coas actividades socioeconómicas propias da contorna. Pola contra, prevalecen os intereses dos grandes grupos económicos vinculados co sector enerxético.

Para enfrontar os riscos do cambio climático apostamos de maneira decidida polas enerxías renovábeis, como pode ser a eólica, se ben entendemos que a enerxía debe ser considerada como un ben público e os seus beneficios deben repercutir no conxunto da cidadanía, e especificamente nos territorios onde se xera. Por este motivo, defendemos a participación pública na planificación e no desenvolvemento do sector enerxético en xeral, e do eólico en particular.

De acordo cos estándares ou obxectivos marcados desde a propia UE, debemos ter en conta que no 2019 Galiza produciu o 65% do mix de xeración galega en renovábeis, o cal vén sendo o dobre do obxectivo que marca a UE para os Estados membros para o ano 2030. Polo tanto, tampouco os datos de produción de enerxía renovábel parecen avalar que sexa agora mesmo o momento de impulsar unha carreira descontrolada de implantación de novos parques eólicos no noso País, senón de desenvolver a potencia eólica dun xeito racional, sostible e ordenado.

Neste sentido, e asumindo explicitamente a petición que nos traslada a veciñanza e colectivos afectados, propoñemos ao pleno da corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. O Concello de San Sadurniño rexeita a instalación do Parque eólico de Caaveiro polos impactos negativos que se poden derivar para o conxunto do territorio e da veciñanza do noso concello.

2. O Concello de San Sadurniño solicita da Xunta de Galiza o preceptivo informe de impacto ambiental que, evidenciando os prexuízos que a instalación do devandito parque suporía no ámbito do noso concello, e que teña carácter negativo á instalación do Parque.

3. O Concello de San Sadurniño insta ao Goberno do Estado a:

a) Denegar a autorización para a construción do Parque Eólico Caaveiro

b) Paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación actualmente para, en colaboración coa Xunta de Galiza e respectando as súas competencias propias nesta materia, realizar unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación adecuada e coordinada do mesmo.

c) Elaborar xunto coa Xunta de Galiza e, respectando as súas competencias, unha Planificación Eólica conxunta asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal

4. Poñer a disposición da veciñanza o asesoramento preciso para defender os seus intereses e inquedanzas ante a implantación de parques eólicos que se consideren abusivos ou prexudiciais para a veciñanza, así como para a elaboración das alegacións precisas.